Danza africana

ATENCIÓN: O taller promocional trasládase finalmente ao luns 17

Continúa a programación de actividades co comezo das clases de danza africana, dende este mes de marzo. Serán impartidas por Cristina Malvárez de Biomesturas Danza, que xa é coma unha persoa máis da casa, e terán lugar os luns entre as 20:30 e as 22:00. Para iniciarvos e convidarvos a vir, amais, dámosvos toda a facilidade, comezando cun taller promocional (luns 10) para probedes e decidades se vos gusta este tipo de baile, e para o que a achega económica será voluntaria: a que vós queirades.

Clases afro Africano en a Casa de Ana

Agora, vedes que nas publicacións que facemos aquí para presentar as cousiñas que programamos gústanos suxerir onde pode radicar o seu interese ou que clase de emocións pode provocar. Porén, Cristina pasounos un texto que ela xa tiña preparado, e que transmite todo iso moito mellor do que o saberiamos facer nós. Para saber realmente que vos pode aportar aprender esta danza recomendámosvos lelo a continuación: Modalidad danza africana.

Polo demais, toda a información que precisedes podédela obter chamando ao teléfono de Cristina que vedes aquí enriba no cartel (658937556), ou ao noso de sempre (986862275).

Unha aperta e a seguir inventando!

Taller de baile de Entroido

Haberá moitos e moitas de vós que dende a fin de semana que vén teredes pensado poñer o disfraz e saír á rúa a deixarvos levar, non si? E seguramente causar impresión e protagonizar algún momento estelar da festa! Para iso non está de máis engadir ao talento e ao encanto persoais, algo de preparación e algúns pasos novos.  O Entroido é unha festa para gustarse, así que hai que sacudir o medo ao ridículo como sexa.

Pensando nisto, á profe Cristina ocorréuselle que sería unha boa idea dar unhas poucas leccións do que ela domina, os bailes latinos (amais da danza africana, que axiña tamén programaremos..), antes mesmo das datas clave. Durante unha hora e media longa axudaranos a poñer o pé de entrada na samba, na bachata, no merengue… Podedes ver os detalles aquí debaixo, no cartel que preparamos. Tamén é unha boa oportunidade para saber se vos prestaría apuntarvos a unhas clases de baile regulares, no? As cousas hai probalas.

Amais tedes que saber que, como nos gusta facer as cousas en condicións, temos espellos novos na parede. Xa somos case unha humilde escola de danza! Francisco e o seu alumnado xa os estiveron a utilizar nas clases de flamenco, das que podedes ver algunha foto no noso Facebook.

Apuntádevos!

baile entroido

Samaín, roldan os espíritos

Dispoñendo dunha casa antiga desas que ás veces provocan ruídos estraños e vendo que o de celebrarmos festas nas vésperas de festivo comezou a convertérsenos nun costume sen sequera planealo de antemán, parecía claro que era momento de poñernos a tallar cabazas e preparar un Samaín para o vindeiro día 31 de Outubro.

Somos restaurante e somos local de cultura, e por iso volvemos propoñer un “plan total“. Isto significa que poñemos á venda un tique por 15 euros e con iso estaredes a mercar unha cea-buffet con menú de tempada, a primeira copa ou mojito da noite e a entrada para o concerto que nos ofrecerán Xandre e Caie, músicos moi tradicionais e moi vanguardistas, ben rodados e recoñecidos (1º premio musical no certame Xuventude Crea 2012) que forman A máquina de meter medo. Axeitado, ou non?

O horario aproximado para esa noite será o seguinte:

– 21:30-22:00 –> Apertura e recepcións.

– 22:30 –> Servizo da cea.

– 23:30 –> Concerto de “A máquina de meter medo”

– Peche ás 03:00.

Amais, no necesario descanso dos músicos, leremos o conxuro da queimada  para espantar os malos espíritos e repartiremos groliños entre todos, coma os costumes da data esixen.

Podedes reservar os tiques poñéndovos en contacto connosco nos teléfonos e correos electrónicos habituais : acasadeana@gmail.com, 986862275, 639369940.

Ah! E animádevos a poñer un disfrace! Veña, que aos que veñades ataviados convidámosvos a algo máis.

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas…

cartel samaín