FESTA DE ANIVERSARIO

Queremos amosarvos outro formato para as celebracións no restaurante. Como vai frío,  os espazos exteriores non son doados para desfrutar da festa, así que se pode empregar o mesmo salón para o xantar ou a cea e tamén para o baile.

Unha cea-buffet é moi axeitada para o propósito. Deixa espazo dabondo para servir o menú e tamén para instalar os elementos da música.

E despois…  a festa!

A zona da barra e o porche cuberto tamén son aproveitables para quen xa estea canso de bailar e queira tomar unhas copas.

Festa Fin de Ano

Non se sabe o que pode pasar. Mellorar tal e como están as cousas non é difícil, pero tamén é certo que para os que gobernan o listón dos desastres parece non estar nunca o suficientemente alto; siguen saltándoo e mellorando a súa marca día a día. Pero, sexa como for e veña como veña dende fóra, en cada ano que comeza tamén hai unha parte moi importante de determinación persoal, de punto de vista. Pódese tomar ata coma un xogo. Imaxinade que o 2014 é un anaco de plastilina: que forma lle damos?

A nós ocorréusenos mirar 0 2014 coma un globo, un globo aerostático. Humilde, enxeñoso, lixeiro, colorido, viaxeiro e que se eleva polo aire e suca as nubes (e os nubarróns tamén como pode). E a festa para rematar este no que estamos, pois acorde con esa idea. Vale un pouco todo: podedes pinchar vós mesm@s a música que vos guste, traer instrumentos dende a guitarra á botella de anís,  vir de gala ou de paisano

Estaremos dende as 01:15 ata… Ben, ata cando nos pareza. Mirade que as 50 primeiras entradas van saír máis baratas, así que ide matinando para mercar dende luns. Barra libre e chocolate matutino a pouco prezo.

Para o que precisedes, os contactos habituais: acasadeana@gmail.com // 986862275

Felices festas a todas e todos!

fin de ano

Samaín, roldan os espíritos

Dispoñendo dunha casa antiga desas que ás veces provocan ruídos estraños e vendo que o de celebrarmos festas nas vésperas de festivo comezou a convertérsenos nun costume sen sequera planealo de antemán, parecía claro que era momento de poñernos a tallar cabazas e preparar un Samaín para o vindeiro día 31 de Outubro.

Somos restaurante e somos local de cultura, e por iso volvemos propoñer un “plan total“. Isto significa que poñemos á venda un tique por 15 euros e con iso estaredes a mercar unha cea-buffet con menú de tempada, a primeira copa ou mojito da noite e a entrada para o concerto que nos ofrecerán Xandre e Caie, músicos moi tradicionais e moi vanguardistas, ben rodados e recoñecidos (1º premio musical no certame Xuventude Crea 2012) que forman A máquina de meter medo. Axeitado, ou non?

O horario aproximado para esa noite será o seguinte:

– 21:30-22:00 –> Apertura e recepcións.

– 22:30 –> Servizo da cea.

– 23:30 –> Concerto de “A máquina de meter medo”

– Peche ás 03:00.

Amais, no necesario descanso dos músicos, leremos o conxuro da queimada  para espantar os malos espíritos e repartiremos groliños entre todos, coma os costumes da data esixen.

Podedes reservar os tiques poñéndovos en contacto connosco nos teléfonos e correos electrónicos habituais : acasadeana@gmail.com, 986862275, 639369940.

Ah! E animádevos a poñer un disfrace! Veña, que aos que veñades ataviados convidámosvos a algo máis.

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas…

cartel samaín

Noites da Havana: Venda de Tiques

Ola! Xa abrimos a venda de tiques, para que poidades deixar feita a transacción dende a casa e nun par de minutos. Só tedes que seguir estes dous pasos:

1. Elixide o tique que desexades, abride unha conta na plataforma de pago introducindo os vosos datos e mercádeo.

2. Enchede o formulario que se atopa na parte baixa desta entrada co voso nome e correo.

Despois de facer iso, nós enviarémosvos un tique identificado cun número de serie específico ao voso correo e non teredes máis que imprimilo. Xa está!

ENTRADAS

Entrada sinxela festa (15€):

Buy Now Button with Credit Cards

Entrada clase de baile sinxela (10€):

Buy Now Button with Credit Cards

Entrada festa + clase de baile (20€):

Buy Now Button with Credit Cards

FORMULARIO

Pasado Agosto

Ola a todos!

Tedes que desculpar que durante este último mes a páxina nos quedase desatendida. Limitámonos a manter actualizada a páxina do Facebook, por unha simple cuestión de popularidade e de economía temporal, e quedounos atrás o traballo nesta bitácora. Por se acaso aproveitamos para suxerir que, aqueles que teñades perfil nesa rede social pero aínda non nos sigades, comecedes a facelo agora. Para os que non teñades perfil ningún, facemos un resumo.

A Festa Cubana do pasado 24 de Xullo foi un éxito. Había unha concordancia xeral en que a cea estaba moi boa, que o concerto saíu moi ben e que tanto os/as que saíron á pista de baile como os/as que preferiron mirar gozaron moito do ambiente. Temos un álbum de fotos que o proba (grazas sobre todo á nosa amiga Marta) e tamén un pequeno vídeo. Pasade pola galería e mirade!

Despois diso, aínda houbo máis. O 25 de Agosto pasado, domingo pola tardiña, organizamos o noso primeiro concerto ao aire libre no xardín. Os que tocaron foron Samsara, bos amigos da Casa dende hai tempo. Eles non só puxeron decibelios, senón tamén moi boas vibracións, e todos quedamos encantados coa boa acústica que se recollía alí detrás. Amais diso, ao remataren puxeron os instrumentos e o equipo a disposición dos espontáneos e tivemos unha pequena e moi divertida “jam session”, non só con música, senón tamén con poesía. As fotos deste día, que tamén podedes atopar na galería, foron por cortesía de Helena (se queredes contratar a algunha fotógrafa non tedes máis que pedir referencias, eh?). E o cartel foi este, para que vexades que non é bóla.Imaxe

En fin, que non queremos poñer pausa! Dentro de pouco máis cousas. Unha aperta a todas e a todos.

Festa cubana

Asuca’!

O mércores 24 de Xullo, véspera de festivo, como está a facer bo tempo pero o traballo non nos deixa baixar demasiado á praia, ímonos poñer caribeños na propia Casa. Que non se diga…!

Para comezar imos coller algúns ingredientes exóticos, inventar con eles unhas bonitas filigranas culinarias e presentarvos un menú degustación de gastronomía cubana que vos sorprenderá mentres tamén vos deixa pertinentemente saciados (Mojito incluido).

Logo chamaremos a un grupo de experimentados músicos nativos chamado SonReal para que dea un concerto en directo e nos arrebate a todos entre salsas e boleros.

Máis aínda, os que cheguemos un pouco perdidos e non saibamos moito de bailar teremos á nosa disposición a Cristina (da escola Mesturas Danza), para que nos anime e nos ensine uns pequenos pasos cos que aguantar o tipo no medio da pista.

E todo isto, entre decoracións tropicais e a calor estival, dá como resultado un ambiente coma o que se percibe na parte de abaixo do noso carteliño, só que con menor moreno de pel:

pasquín cubano

Este será o horario aproximado das actividades:

21:00 — Clase de ritmos latinos previa á actuación.

22:00 — Servizo de cátering e coctelería de mojitos

23:00 — Comezo da actuación en directo.

01:00 — Sesión de pinchadiscos ata o remate.

E toda esta oferta por 15€, xa vedes. Para conseguir os vosos tickets podedes mercalos aquí no restaurante directamente  ou ben reservárnolos por teléfono/correo e facer o pagamento por ingreso en conta bancaria (Banesto 0030 6085 96 0387024273). Aos que decidades vir pedímosvos que non agardades ata o último momento para mercar a vosa entrada, posto que levando un cálculo anticipado de asistentes sempre nos é moito máis fácil planificar os labores de cociña.

Graciñas e un saúdo a todos, vémonos o 24!