Eventos

Concerto-presentación: “Manüele de pandeireta e canto tradicional vol. 1” (2ª edición)

Despois de celebracións e encontros inaugurais tan pracenteiros mergullámonos de cheo na promoción cultural. Do venres 16, que tivemos Magosto, imos ao venres 23 e tiramos porque nos toca. Ese día, ás 21:30h., teremos o pracer de acoller un importante evento coordinado dende Ediciones Intermitentes, que nos volverá conectar unha semana máis co mundo da nosa música tradicional. Eles como editorial e Xandre Outeiro como autor presentan a segunda tirada do Manüele de pandeireta e canto tradicional, unha edición revisada e ampliada dun volume didáctico pioneiro que viu a luz por primeira vez no abril pasado e que está a ter unha demanda cada vez maior.

Desta volta, ademais de toda necesaria explicación sobre o libro e o soporte a el vencellado, o autor e músico ofrecerá unha interpretación en directo de parte do repertorio incluído no mesmo. Unha grande ocasión para tomar contacto coa aprendizaxe do instrumento e a linguaxe da música tradicional galega da man dun verdadeiro coñecedor. Ademais, para rematar e por cortesía dos Intermitentes, ofreceremos uns saborosos pinchiños. Apuntádevos ao evento de Facebook aquí.

Lembrade, venres 23 ás 21:30. A música volve á Casa!

I Festa do Magosto

Cando se vive na cidade hai moitos días nos que as estacións semellan unha vulgar convención. Unha noción de escola para pautar a realidade e impedir que nos abrume; unha xustificación tan boa coma calquera outra para marcar os principais períodos vacacionais no calendario. Na maioría das zonas urbanas, onde o entorno apenas muda, a xente só logra identificar a estación vixente mediante indicios moi concretos, como por exemplo a chegada dos días máis fríos e máis cálidos ou o primeiro ataque de alerxia. Mais pola contra, no rural, os ciclos instálanse en cada palmo do terreo con tal esplendor que é imposible que a un lle dea igual agosto que febreiro.

Aquí na Casa, por esta época outonal, son os castiñeiros os que mellor se encargan de nos manter ao corrente da actualidade. Mentres estas semanas pasadas discutiamos sobre cal podería ser un bo acto inaugural do noso novo proxecto, o carreiriño da entrada sufría un bombardeo incesante de ourizos e ateigábase de castañas esparexidas. As propias árbores  estaban a facer unha proposta contundente. Así pois, fixémoslles caso e agora comprácenos moito anunciar a convocatoria da I Festa do Magosto en A Casa de Ana para o próximo venres 16 de novembro (poñémoslle “primeira” polas moitas máis que han de vir) e na que toparás co seguinte:

Asado de castañas artesanal: porque o sentido do Magosto está en que a castaña sexa o leit-motiv dun encontro popular e proporcionar todo o froito dende a cociña non sería o mesmo. Preferimos sacar o lume fóra e así non perdermos ningún de nós a calor, nin o recendo, nin o espectáculo.

Serán de música tradicional coa participación da Asociación Cultural Trépia: pandeiretada, baile e canto de pezas tradicionais aos que se poderá incorporar calquera dos asistentes. Para amenizar a velada en conxunto.

Merendas moi apetecibles: empanada caseira + cornete de castañas + doces de outono + 1ª consumición (refresco, cervexa…) por tan só 4€.

O lugar xa o coñeces, e a hora aproximada de comezo será ás 19:00h. (por aquilo do serán… e para que os máis cativos tamén poidan gozar da festa sen trasnoitar).

Este é o noso primeiro evento importante e imos poñer todo o esforzo en facerche atopar todo o mellor do outono. Compilaranse, por suposto, boas fotos e vídeos que faremos públicos nos días posteriores e, francamente, se tes oportunidade, parécenos moito mellor que saias neles e non te contentes con revisalos por causa dos demais. Que che parece?

Contamos contigo, anímate e vén! Na Casa, Magosto!

Advertisements