Pasados

Samaín, roldan os espíritos [31/10/2013]

Dispoñendo dunha casa antiga desas que ás veces provocan ruídos estraños e vendo que o de celebrarmos festas nas vésperas de festivo comezou a convertérsenos nun costume sen sequera planealo de antemán, parecía claro que era momento de poñernos a tallar cabazas e preparar un Samaín para o vindeiro día 31 de Outubro.

Somos restaurante e somos local de cultura, e por iso volvemos propoñer un “plan total“. Isto significa que poñemos á venda un tique por 15 euros e con iso estaredes a mercar unha cea-buffet con menú de tempada, a primeira copa ou mojito da noite e a entrada para o concerto que nos ofrecerán Xandre e Caie, músicos moi tradicionais e moi vanguardistas, ben rodados e recoñecidos (1º premio musical no certame Xuventude Crea 2012) que forman A máquina de meter medo. Axeitado, ou non?

O horario aproximado para esa noite será o seguinte:

– 21:30-22:00 –> Apertura e recepcións.

– 22:30 –> Servizo da cea.

– 23:30 –> Concerto de “A máquina de meter medo”

– Peche ás 03:00.

Amais, no necesario descanso dos músicos, leremos o conxuro da queimada  para espantar os malos espíritos e repartiremos groliños entre todos, coma os costumes da data esixen.

Podedes reservar os tiques poñéndovos en contacto connosco nos teléfonos e correos electrónicos habituais : acasadeana@gmail.com, 986862275, 639369940.

Ah! E animádevos a poñer un disfrace! Veña, que aos que veñades ataviados convidámosvos a algo máis.

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas…

cartel samaín

Noites da Havana [10/10/2013]

Baixo as mesmas condicións que en Xullo, en véspera de festivo para poder trasnoitar, facemos unha viaxe máis a Cuba. Dedicámosvola especialmente aos que non puidestes vir na ocasión anterior e aos que o pasastes tan ben como para insistirnos en que había que repetila.

Haberá con que encher o estómago e tamén o indispensable mojito; tamén volven os músicos de SonRealCristina, a nosa profesora de danza, que por riba desta volta ten unha oferta extra: amais de animar a pista na noite do venres, ofrecerá unha clase de iniciación o Xoves 10, entre as 21:00 e as 23:00, por só 5€ a maiores sobre o prezo do ticket. Por 20€ tedes todo o incluído na festa máis unha clase a maiores; plan para dous días. (E se queredes apuntarvos á clase do xoves pero non ides vir á festa, tampouco hai problema. Nese caso, o prezo da aula será de 10€).

Con respecto á venda dos tiques, poderedes adquirilos dende o martes 1, tanto aquí no propio establecemento coma a través dunha plataforma virtual que habilitaremos empregando a vosa tarxeta de débito/crédito. A data límite para as reservas será o mércores 9.

Polo demais, se algúns non tivestes noticia da primeira festa e precisades algunha pista ou aliciente, non tedes máis que visitar a galería de fotos.

pasquín cubano NUEVO

Festa cubana (24/07/2013)

Asuca’!

O mércores 24 de Xullo, véspera de festivo, como está a facer bo tempo pero o traballo non nos deixa baixar demasiado á praia, ímonos poñer caribeños na propia Casa. Que non se diga…!

Para comezar imos coller algúns ingredientes exóticos, inventar con eles unhas bonitas filigranas culinarias e presentarvos un menú degustación de gastronomía cubana que vos sorprenderá mentres tamén vos deixa pertinentemente saciados (Mojito incluido).

Logo chamaremos a un grupo de experimentados músicos nativos chamado SonReal para que dea un concerto en directo e nos arrebate a todos entre salsas e boleros.

Máis aínda, os que cheguemos un pouco perdidos e non saibamos moito de bailar teremos á nosa disposición a Cristina (da escola Mesturas Danza), para que nos anime e nos ensine uns pequenos pasos cos que aguantar o tipo no medio da pista.

E todo isto, entre decoracións tropicais e a calor estival, dá como resultado un ambiente coma o que se percibe na parte de abaixo do noso carteliño, só que con menor moreno de pel:

pasquín cubano

Este será o horario aproximado das actividades:

21:00 — Clase de ritmos latinos previa á actuación.

22:00 — Servizo de cátering e coctelería de mojitos

23:00 — Comezo da actuación en directo.

01:00 — Sesión de pinchadiscos ata o remate.

E toda esta oferta por 15€, xa vedes. Para conseguir os vosos tickets podedes mercalos aquí no restaurante directamente  ou ben reservárnolos por teléfono/correo e facer o pagamento por ingreso en conta bancaria (Banesto 0030 6085 96 0387024273). Aos que decidades vir pedímosvos que non agardades ata o último momento para mercar a vosa entrada, posto que levando un cálculo anticipado de asistentes sempre nos é moito máis fácil planificar os labores de cociña.

Graciñas e un saúdo a todos, vémonos o 24!

Celebración da Noitevella [31-12-12]

Estimados todos:

Visto que nin o ano nin nós chegamos á fin o día 21 e que a previsión actual é rematarmos o 2012 engulindo uvas a contrarreloxo como de costume, dende a Casa temos unha proposta que facer: algúns teredes plans xa pechados (saír no centro da vosa cidade, ficar tranquilos na casa), pero seguro que outros moitos, por aquilo de que a Noitevella non deixa de ser unha rutina e de que tampouco hai nada novo baixo o sol, non vos quixestes preocupar de ter que tomar unha decisión concreta para a “madrugada M”.

Isto, ao mellor, interésavos.

Nós, que non temos maior expectativa que a de estar cómodos e pasalo ben trasnoitando, imos facer festa. A única programación que temos é estar de bo humor, pasar o tempo con amigos e  garantir que non se van sufrir empurróns nin faltas de respeto por parte de ninguén; parécenos suficiente. O resto poñédelo vós. Podedes montar a vosa propia festa, coma na casa, pero sen o perigo de molestar aos veciños nin a preguiza de ter que recoller ao día seguinte.

O único do que nos temos que preocupar é de vos prover bebida suficiente, manter cubertos os gastos do local e ofrecer un servizo axeitado, de tal modo que imos establecer unha cuota de 20 euros por persoa con barra libre, desexablemente a recadar por anticipado. Sabemos que o prazo con que avisamos é un pouco xusto para isto e pedímosvos desculpas, pero nunha semana pódese facer. Para apuntarvos e formalizar o pago podedes poñervos en contacto polos medios tradicionais, a través do Facebook ou falando directamente con calquera de nós se nos tedes a man, e así concretar a forma de pago que máis vos convén (en man, ingreso, etc.).

Horario: comezo ás 02:00h. e remate ás 07:00h.

Extras: chocolate con biscoitos.

NOTA: Os que saibades tocar un instumento non vos privedes de traelo.

Felices festas a todas e a todos.

Concerto-presentación: “Manüele de pandeireta e canto tradicional vol. 1” (2ª edición) [23-11-12]

Despois de celebracións e encontros inaugurais tan pracenteiros mergullámonos de cheo na promoción cultural. Do venres 16, que tivemos Magosto, imos ao venres 23 e tiramos porque nos toca. Ese día, ás 21:30h., teremos o pracer de acoller un importante evento coordinado dende Ediciones Intermitentes, que nos volverá conectar unha semana máis co mundo da nosa música tradicional. Eles como editorial e Xandre Outeiro como autor presentan a segunda tirada do Manüele de pandeireta e canto tradicional, unha edición revisada e ampliada dun volume didáctico pioneiro que viu a luz por primeira vez no abril pasado e que está a ter unha demanda cada vez maior.

Desta volta, ademais de toda necesaria explicación sobre o libro e o soporte a el vencellado, o autor e músico ofrecerá unha interpretación en directo de parte do repertorio incluído no mesmo. Unha grande ocasión para tomar contacto coa aprendizaxe do instrumento e a linguaxe da música tradicional galega da man dun verdadeiro coñecedor. Ademais, para rematar e por cortesía dos Intermitentes, ofreceremos uns saborosos pinchiños. Apuntádevos ao evento de Facebook aquí.

Lembrade, venres 23 ás 21:30. A música volve á Casa!

I Festa do Magosto [16-11-12]

Cando se vive na cidade hai moitos días nos que as estacións semellan unha vulgar convención. Unha noción de escola para pautar a realidade e impedir que nos abrume; unha xustificación tan boa coma calquera outra para marcar os principais períodos vacacionais no calendario. Na maioría das zonas urbanas, onde o entorno apenas muda, a xente só logra identificar a estación vixente mediante indicios moi concretos, como por exemplo a chegada dos días máis fríos e máis cálidos ou o primeiro ataque de alerxia. Mais pola contra, no rural, os ciclos instálanse en cada palmo do terreo con tal esplendor que é imposible que a un lle dea igual agosto que febreiro.

Aquí na Casa, por esta época outonal, son os castiñeiros os que mellor se encargan de nos manter ao corrente da actualidade. Mentres estas semanas pasadas discutiamos sobre cal podería ser un bo acto inaugural do noso novo proxecto, o carreiriño da entrada sufría un bombardeo incesante de ourizos e ateigábase de castañas esparexidas. As propias árbores  estaban a facer unha proposta contundente. Así pois, fixémoslles caso e agora comprácenos moito anunciar a convocatoria da I Festa do Magosto en A Casa de Ana para o próximo venres 16 de novembro (poñémoslle “primeira” polas moitas máis que han de vir) e na que toparás co seguinte:

Asado de castañas artesanal: porque o sentido do Magosto está en que a castaña sexa o leit-motiv dun encontro popular e proporcionar todo o froito dende a cociña non sería o mesmo. Preferimos sacar o lume fóra e así non perdermos ningún de nós a calor, nin o recendo, nin o espectáculo.

Serán de música tradicional coa participación da Asociación Cultural Trépia: pandeiretada, baile e canto de pezas tradicionais aos que se poderá incorporar calquera dos asistentes. Para amenizar a velada en conxunto.

Merendas moi apetecibles: empanada caseira + cornete de castañas + doces de outono + 1ª consumición (refresco, cervexa…) por tan só 4€.

O lugar xa o coñeces, e a hora aproximada de comezo será ás 19:00h. (por aquilo do serán… e para que os máis cativos tamén poidan gozar da festa sen trasnoitar).

Este é o noso primeiro evento importante e imos poñer todo o esforzo en facerche atopar todo o mellor do outono. Compilaranse, por suposto, boas fotos e vídeos que faremos públicos nos días posteriores e, francamente, se tes oportunidade, parécenos moito mellor que saias neles e non te contentes con revisalos por causa dos demais. Que che parece?

Contamos contigo, anímate e vén! Na Casa, Magosto!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s