Sobre nós

A Casa de Ana é un restaurante de cociña tradicional, emprazado na parroquia pontevedresa de Salcedo (a aproximadamente 2 km. do centro da cidade), que abriu as súas portas no ano 2000 e que contou dende o comezo con dous atractivos claros e recoñecibles: a gastronomía de calidade a prezos competitivos e a beleza da casa de labranza restaurada que o alberga.

Isto último ten historia.

Tres anos antes da data de apertura, o recinto atopábase en estado ruinoso. Logo de ter sido unha das casas máis prósperas da parroquia a comezos de século e de ter dado traballo a moitos xornaleiros nesa época, sufriu unha decadencia que a levou ao abandono. Foi entón, en 1997, cando os propietarios, Ana e Dámaso, emprenderon o labor de rehabilitación; sen máis medios económicos de partida que un subsidio de desemprego dela e a pequena marxe de beneficios das clases de idiomas del comezaron unha obra para a que calquera ao que lle preguntasen estimaba un orzamento millonario. Como non podían optar ao pago, asumiron a tarefa en primeira persoa, baixo a supervisión dun obreiro profesional e coa colaboración desinteresada de varios veciños (conste aquí a nosa infinita gratitude a Antonio e Josefa), e lentamente, a medida que a economía familiar o permitía e sempre cos pés na terra, a obra saíu adiante. Moitos dos que coñeceron despois o restaurante puideron corroborar o exitoso do resultado e amosar o seu recoñecemento aos responsables.

Este relato figura aquí para axudar a comprender cal é o espirito dos que traballamos na Casa: ilusión e esforzo. Por iso agora, nun presente difícil, ao percibirmos que o culinario non é reclamo suficiente, pretendemos desenvolver propostas renovadoras que, fronte a un modelo caduco, abunden en valores imperecedoiros tales como a cooperación, a defensa da cultura, a ecoloxía ou a formación integral das persoas. Planeamos cultivar unha horta ecolóxica, organizar obradoiros e espectáculos culturais, expoñer artesanía… En síntese, queremos apostar polo traballo autoxestionado e creativo e concentrar moitos intereses nun só espazo que se poida cualificar de humanístico.

De cada paso que deamos (de cada evento, cada pequena inauguración, cada reforma) achegarémosche toda a información e a documentación gráfica posibles. A nosa intención é que te volvas partícipe: podes, dende facernos suxerencias, as cales acolleremos con toda gratitude, ata poñerte en contacto connosco para que  esa actividade ou evento teu propio que non tes onde organizar poida ser levado a cabo. Nós chamámoslle aquí “A Casa”, con maiúscula, porque dentro cabemos moitos.

Vémonos axiña, onde sempre.

Advertisements