Samaín, roldan os espíritos

Dispoñendo dunha casa antiga desas que ás veces provocan ruídos estraños e vendo que o de celebrarmos festas nas vésperas de festivo comezou a convertérsenos nun costume sen sequera planealo de antemán, parecía claro que era momento de poñernos a tallar cabazas e preparar un Samaín para o vindeiro día 31 de Outubro.

Somos restaurante e somos local de cultura, e por iso volvemos propoñer un “plan total“. Isto significa que poñemos á venda un tique por 15 euros e con iso estaredes a mercar unha cea-buffet con menú de tempada, a primeira copa ou mojito da noite e a entrada para o concerto que nos ofrecerán Xandre e Caie, músicos moi tradicionais e moi vanguardistas, ben rodados e recoñecidos (1º premio musical no certame Xuventude Crea 2012) que forman A máquina de meter medo. Axeitado, ou non?

O horario aproximado para esa noite será o seguinte:

– 21:30-22:00 –> Apertura e recepcións.

– 22:30 –> Servizo da cea.

– 23:30 –> Concerto de “A máquina de meter medo”

– Peche ás 03:00.

Amais, no necesario descanso dos músicos, leremos o conxuro da queimada  para espantar os malos espíritos e repartiremos groliños entre todos, coma os costumes da data esixen.

Podedes reservar os tiques poñéndovos en contacto connosco nos teléfonos e correos electrónicos habituais : acasadeana@gmail.com, 986862275, 639369940.

Ah! E animádevos a poñer un disfrace! Veña, que aos que veñades ataviados convidámosvos a algo máis.

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas…

cartel samaín

Advertisements

Pasado Agosto

Ola a todos!

Tedes que desculpar que durante este último mes a páxina nos quedase desatendida. Limitámonos a manter actualizada a páxina do Facebook, por unha simple cuestión de popularidade e de economía temporal, e quedounos atrás o traballo nesta bitácora. Por se acaso aproveitamos para suxerir que, aqueles que teñades perfil nesa rede social pero aínda non nos sigades, comecedes a facelo agora. Para os que non teñades perfil ningún, facemos un resumo.

A Festa Cubana do pasado 24 de Xullo foi un éxito. Había unha concordancia xeral en que a cea estaba moi boa, que o concerto saíu moi ben e que tanto os/as que saíron á pista de baile como os/as que preferiron mirar gozaron moito do ambiente. Temos un álbum de fotos que o proba (grazas sobre todo á nosa amiga Marta) e tamén un pequeno vídeo. Pasade pola galería e mirade!

Despois diso, aínda houbo máis. O 25 de Agosto pasado, domingo pola tardiña, organizamos o noso primeiro concerto ao aire libre no xardín. Os que tocaron foron Samsara, bos amigos da Casa dende hai tempo. Eles non só puxeron decibelios, senón tamén moi boas vibracións, e todos quedamos encantados coa boa acústica que se recollía alí detrás. Amais diso, ao remataren puxeron os instrumentos e o equipo a disposición dos espontáneos e tivemos unha pequena e moi divertida “jam session”, non só con música, senón tamén con poesía. As fotos deste día, que tamén podedes atopar na galería, foron por cortesía de Helena (se queredes contratar a algunha fotógrafa non tedes máis que pedir referencias, eh?). E o cartel foi este, para que vexades que non é bóla.Imaxe

En fin, que non queremos poñer pausa! Dentro de pouco máis cousas. Unha aperta a todas e a todos.

Festa cubana

Asuca’!

O mércores 24 de Xullo, véspera de festivo, como está a facer bo tempo pero o traballo non nos deixa baixar demasiado á praia, ímonos poñer caribeños na propia Casa. Que non se diga…!

Para comezar imos coller algúns ingredientes exóticos, inventar con eles unhas bonitas filigranas culinarias e presentarvos un menú degustación de gastronomía cubana que vos sorprenderá mentres tamén vos deixa pertinentemente saciados (Mojito incluido).

Logo chamaremos a un grupo de experimentados músicos nativos chamado SonReal para que dea un concerto en directo e nos arrebate a todos entre salsas e boleros.

Máis aínda, os que cheguemos un pouco perdidos e non saibamos moito de bailar teremos á nosa disposición a Cristina (da escola Mesturas Danza), para que nos anime e nos ensine uns pequenos pasos cos que aguantar o tipo no medio da pista.

E todo isto, entre decoracións tropicais e a calor estival, dá como resultado un ambiente coma o que se percibe na parte de abaixo do noso carteliño, só que con menor moreno de pel:

pasquín cubano

Este será o horario aproximado das actividades:

21:00 — Clase de ritmos latinos previa á actuación.

22:00 — Servizo de cátering e coctelería de mojitos

23:00 — Comezo da actuación en directo.

01:00 — Sesión de pinchadiscos ata o remate.

E toda esta oferta por 15€, xa vedes. Para conseguir os vosos tickets podedes mercalos aquí no restaurante directamente  ou ben reservárnolos por teléfono/correo e facer o pagamento por ingreso en conta bancaria (Banesto 0030 6085 96 0387024273). Aos que decidades vir pedímosvos que non agardades ata o último momento para mercar a vosa entrada, posto que levando un cálculo anticipado de asistentes sempre nos é moito máis fácil planificar os labores de cociña.

Graciñas e un saúdo a todos, vémonos o 24!