Portal do “Manüele de pandeireta…”

Despois dunha presentación redonda da que xa podedes ver testemuño fotográfico na sección correspondente da Galería, para os que asististes e os que non tamén, queremos deixar aquí o enlace ao portal oficial do Manüele (Ediciones Intermitentes), albergado dentro do da A.C. Trépia e magnificamente desenvolvido por Diego Pintos e Xandre Outeiro, dende o que podedes adquirir o voso exemplar impreso ou electrónico e atopar clasificada moita da información contida no libro ademais doutros materiais e arquivos multimedia extra (audios das recolleitas, fichas didácticas, etc.)

O enderezo é: http://www.trepia.org/manuele

Botádelle un ollo, seguro que aprendedes algo!

Advertisements

Concerto-presentación: “Manüele de pandeireta e canto tradicional vol. 1” (2ª edición)

Despois de celebracións e encontros inaugurais tan pracenteiros mergullámonos de cheo na promoción cultural. Do venres 16, que tivemos Magosto, imos ao venres 23 e tiramos porque nos toca. Ese día, ás 21:30h., teremos o pracer de acoller un importante evento coordinado dende Ediciones Intermitentes, que nos volverá conectar unha semana máis co mundo da nosa música tradicional. Eles como editorial e Xandre Outeiro como autor presentan a segunda tirada do Manüele de pandeireta e canto tradicional, unha edición revisada e ampliada dun volume didáctico pioneiro que viu a luz por primeira vez no abril pasado e que está a ter unha demanda cada vez maior.

Desta volta, ademais de toda necesaria explicación sobre o libro e o soporte a el vencellado, o autor e músico ofrecerá unha interpretación en directo de parte do repertorio incluído no mesmo. Unha grande ocasión para tomar contacto coa aprendizaxe do instrumento e a linguaxe da música tradicional galega da man dun verdadeiro coñecedor. Ademais, para rematar e por cortesía dos Intermitentes, ofreceremos uns saborosos pinchiños. Apuntádevos ao evento de Facebook aquí.

Lembrade, venres 23 ás 21:30. A música volve á Casa!