Taller de baile de Entroido

Haberá moitos e moitas de vós que dende a fin de semana que vén teredes pensado poñer o disfraz e saír á rúa a deixarvos levar, non si? E seguramente causar impresión e protagonizar algún momento estelar da festa! Para iso non está de máis engadir ao talento e ao encanto persoais, algo de preparación e algúns pasos novos.  O Entroido é unha festa para gustarse, así que hai que sacudir o medo ao ridículo como sexa.

Pensando nisto, á profe Cristina ocorréuselle que sería unha boa idea dar unhas poucas leccións do que ela domina, os bailes latinos (amais da danza africana, que axiña tamén programaremos..), antes mesmo das datas clave. Durante unha hora e media longa axudaranos a poñer o pé de entrada na samba, na bachata, no merengue… Podedes ver os detalles aquí debaixo, no cartel que preparamos. Tamén é unha boa oportunidade para saber se vos prestaría apuntarvos a unhas clases de baile regulares, no? As cousas hai probalas.

Amais tedes que saber que, como nos gusta facer as cousas en condicións, temos espellos novos na parede. Xa somos case unha humilde escola de danza! Francisco e o seu alumnado xa os estiveron a utilizar nas clases de flamenco, das que podedes ver algunha foto no noso Facebook.

Apuntádevos!

baile entroido

Clases de flamenco

Hoxe presentamos a primeira novidade do ano.  Fainos ilusión porque é unha iniciativa chegada de fóra, que parte do interese dunha amiga da Casa chamada África, á que puidemos dar lugar cun chisquiño de coordinación: mentres nós contactabamos con Francisco, (gaditano e profesional do flamenco dende hai moitos anos) para dar a clase, ela ía xuntando o grupiño de alumn@s. E sen moito máis, conseguimos así programar as  primeiras clases de danza.

O grupo comezará o primeiro martes de febreiro e aínda hai sitio se vos animades. Botade un ollo ao cartel. Se queredes máis información, podedes chamar ao noso número ou ao de Francisco, que figura ao pé da imaxe. Saúdos!

cartel flamenco